Celebramos os maios
Aí ven o maio de flores cuberto...
Os maios son unha das moitas manifestacións que se dan en Galicia do que se denomina “o ciclo de maio”. Neste período, que abrangue aproximadamente desde mediados de abril ata mediados de maio (algúns atrásano ata o San Xoán), lévase a cabo a exaltación da natureza debido a que é cando a primavera chega ó seu cume e se manifesta esplendorosa.
Os nosos devanceiros desde tempos inmemoriais veñen realizando durante este período diversas celebracións relacionadas coa potenciación da agricultura, a gandería, o mar, o amor, o xogo.
Non está clara a orixe das celebracións do ciclo de maio, sobre todo, non é fácil buscarlles unha única explicación a tan diversas manifestacións. Quizais os antecedentes máis antigos haxa que buscalos na prehistoria, no momento en que o home empeza a traballar a terra e a domesticar os animais. É evidente que tamén o mundo greco-romano deixou pegada na nosa cultura, xa que por estas datas gregos e romanos celebraban festas vinculadas dalgún xeito ós vexetais: festas en honor a Ceres, a Flora, a Maia... O que si está claro é que estas celebracións están relacionadas coa fecundidade vexetal e animal.
MANIFESTACIÓNS DO CICLO DO MAIO EN GALICIA
- Manifestacións agrarias: A finalidade é favorecer a medra da colleita.
- Alumear o pan: Cun fachuco ardendo bendinse as leiras pronunciando imprecacións propiciatorias. Lume, lume / vai ó pan / Deus che dea moito gran / cada gran coma un bugallo / cada pé coma un carballo / Lume ó millo, lume ó millo; cada espiga / seu ferradiño.
- Bendicir os campos: É costume o Domingo de Ramos de cravar un ramo de loureiro ou oliveira nos campos sementados. Co mesmo fin protector colócanse nas casas, as cortes, os carros (agora coches) o 1º de maio pólas de xesta.
- Manifestación pecuarias: Nelas o protagonista é o gando, aínda que hoxe en día desapareceron todas. Por exemplo, pola Santa Cruz, en toda Galicia non se xunguía o gando; a falta de xugo simbolizaba a liberdade que propiciaría o crecemento.
- Manifestacións mariñeiras: O primeiro de maio, sobre todo polas Rías Baixas, é costume pór unha poliñas de xesta na proa das embarcacións para protexelas do mal durante todo o ano.
- Manifestacións lúdicas: A súa finalidade é anunciar a eclosión primaveral. Os protagonistas son os nenos e os mozos. Por exemplo: pór arcos vexetais nos campos, ir buscar a árbore máis esvelta da contorna, cortala e expoñela en lugar ben visible... A celebración por excelencia é a dos MAIOS.
- Manifestacións amorosas: Poucas quedan en Galicia. Unha deles é o costume na zona de Brión (A Coruña) de ofrecerlle un mozo a unha moza da cal estaba namorado un ramo de xesta florida. Se aceptaba o ramo, simbolizaba que o quería como pretendente.
- Manifestación relixiosas: Aínda que pareza que non teñen nada que ver co ciclo do maio, hai algunhas celebracións cristiás que están vinculadas ós vexetais nestas datas o que proba a súa orixe pagá; por exemplo, todas as celebracións en torno á Virxe á cal se lle ofrecen innumerables flores ou as oracións pronunciadas nos rituais agrarios.
OS MAIOS
En Galicia, existen catro tipos de maios, aínda que no pasado probablemente existiron máis:
- Maios ramos ou ramos de maio: Ramos de flores, acompañados de cantigas tradicionais, son agasallados ós espectadores que dan o seu aguinaldo. Tense noticia desta celebración en Quiroga, Riós ou Cambados.
- Maios humanos: Unha persoa (un neno normalmente) cóbrese con pólas e follas e adórnase con flores. Acompáñanse de cantigas. Actualmente, só seguen vivos en Portomarín, pero están documentados os de Santiago, Ribadeo, Pontedeume, Viana do Bolo, Mondoñedo, Viveiro, A Coruña, Lugo, Monforte...
- Maios figurados: A base do maio é unha figura coniforme, piramiforme ou tamén pode representar calquera monumento, personaxe, etc. Os dous primeiros son os maios tradicionais, mentres que os terceiros son denominados maios artísticos e son máis modernos. Acompáñanse de coplas e a decoración é moi variada pois ademais de pólas, follas e flores tamén se enfeitan con laranxas, limóns, cascas de ovo e carrabouxos.
- As maias: Nenas engalanadas que moitas veces portaban arcos florais.
[ pechar ]