Celebramos os maios

Aí ven o maio de flores cuberto...

Os maios son unha das moitas manifestacións que se dan en Galicia do que se denomina “o ciclo de maio”. Neste período, que abrangue aproximadamente desde mediados de abril ata mediados de maio (algúns atrásano ata o San Xoán), lévase a cabo a exaltación da natureza debido a que é cando a primavera chega ó seu cume e se manifesta esplendorosa.
Os nosos devanceiros desde tempos inmemoriais veñen realizando durante este período diversas celebracións relacionadas coa potenciación da agricultura, a gandería, o mar, o amor, o xogo.
Non está clara a orixe das celebracións do ciclo de maio, sobre todo, non é fácil buscarlles unha única explicación a tan diversas manifestacións. Quizais os antecedentes máis antigos haxa que buscalos na prehistoria, no momento en que o home empeza a traballar a terra e a domesticar os animais. É evidente que tamén o mundo greco-romano deixou pegada na nosa cultura, xa que por estas datas gregos e romanos celebraban festas vinculadas dalgún xeito ós vexetais: festas en honor a Ceres, a Flora, a Maia... O que si está claro é que estas celebracións están relacionadas coa fecundidade vexetal e animal.

MANIFESTACIÓNS DO CICLO DO MAIO EN GALICIA

OS MAIOS

En Galicia, existen catro tipos de maios, aínda que no pasado probablemente existiron máis:
  1. Maios ramos ou ramos de maio: Ramos de flores, acompañados de cantigas tradicionais, son agasallados ós espectadores que dan o seu aguinaldo. Tense noticia desta celebración en Quiroga, Riós ou Cambados.
  2. Maios humanos: Unha persoa (un neno normalmente) cóbrese con pólas e follas e adórnase con flores. Acompáñanse de cantigas. Actualmente, só seguen vivos en Portomarín, pero están documentados os de Santiago, Ribadeo, Pontedeume, Viana do Bolo, Mondoñedo, Viveiro, A Coruña, Lugo, Monforte...
  3. Maios figurados: A base do maio é unha figura coniforme, piramiforme ou tamén pode representar calquera monumento, personaxe, etc. Os dous primeiros son os maios tradicionais, mentres que os terceiros son denominados maios artísticos e son máis modernos. Acompáñanse de coplas e a decoración é moi variada pois ademais de pólas, follas e flores tamén se enfeitan con laranxas, limóns, cascas de ovo e carrabouxos.
  4. As maias: Nenas engalanadas que moitas veces portaban arcos florais.
  5. [ pechar ]