Ó CASTRO DE VALENCIA DO SIL

Saída organizada polo Departamento de Latín ao Castro de Valencia do Sil

O Departamento de Latín organizou unha saída didáctica para o alumnado de Cultura clásica de 3º de ESO, Latín de 4ª de ESO e Latín de 1º de Bacharelato, que tivo lugar o día 28 de outubro de 2019.
En primeiro lugar, dirixímonos a visitar o Castro de Valencia do Sil, máis coñecido na zona como O Castelo. Trátase dun asentamento civil, posiblemente de finais do imperio romano, que foi escavado durante o mes de xullo deste mesmo ano, aínda que xa se coñecía a súa existencia por escavacións anteriores, levadas a cabo por un grupo de arqueólogos afeccionados de Valdeorras, chamados Os Escarvadores, que desenvolveron o seu traballo nos anos 80 do século pasado.
A subida foi un pouco dura, xa que hai zonas nas que o camiño ten unha pendente moi acusada e os accesos ao castro non son moi bos, pero mereceu a pena. Ademais de coñecer o lugar, a visita tiña o interese engadido de que, durante eses días, un grupo de arqueólogos da USC estaba realizando traballos para datar e analizar con máis precisión o achado. Así, puidemos ver como traballaban in situ e contamos coas explicacións non só sobre o asentamento, senón tamén sobre as técnicas e instrumentos de traballo dos arqueólogos sobre o terreo.
Baixar xa foi máis sinxelo, aínda que tiñamos que ter coidado de non esvarar, porque o terreo estaba moi mollado. Xa en Valencia, recolleunos o autobús e dirixímonos ao Barco, ao Teatro Lauro Olmo, para ver a exposición In terra Gigurrorum, na que se expoñen e explican os restos arqueolóxicos atopados no no castro que acababamos de visitar, así como unha sección dedicada ao grupo dos Escarvadores. Na exposición agardábanos o alumnado de Latín do IES Lauro Olmo e xa pasamos o resto da xornada con eles.
Despois de ver a exposición fomos á Finca da Cruz, un área arqueolóxica que se atopa tamén no Barco. Alí, despois de facer un descanso para comer, Luis Enrique Arias, historiador e bo coñecedor da minería romana, explicounos a importancia e os métodos da extracción do ouro en época romana, así como a presenza de restos de minas romanas en toda a nosa comarca, exemplificando cos que se poden ver nesa mesma finca.
Tivemos sorte porque aguantou sen chover todo o día, case ata a hora de volver. Ás cinco da tarde collemos o autobús e regresamos á Rúa, coñecendo un pouco mellor os restos arqueolóxicos da nosa comarca.
Ver Fotos

[ pechar ]