Intercambio co IES Faro das Lúas (Vilanova de Arousa)

Actividade organizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura.

O alumnado de 3º ESO e 4º ESO participou nunha saída a Padrón e Santiago de Compostela o xoves 25 de abril, froito dun intercambio cos mesmos grupos de alumnado do IES Faro das Lúas (Vilanova de Arousa), que puxo o peche á relación epistolar mantida durante o curso.
O punto de encontro foi a Casa Museo de Rosalía en Padrón onde o alumnado asistiu a unha visita didáctica polas diferentes salas co obxectivo de afondar na figura desta escritora emblemática da cultura galega e universal. Na planta baixa deuse a coñecer a dimensión da escritora do Rexurdimento galego a través da súa vida e a súa relación co pobo galego. Na primeira planta puido contemplarse a recreación ambiental dunha casa rural da época e no espazo exterior un xardín da época onde se atopan exemplares interesantes como a camelia xapónica “Rosalía de Castro” e outras de orixe portuguesa.
Seguidamente, o alumnado participou de xeito conxunto nunha visita guiada ao Xardín Botánico de Padrón, composto por 300 especies e que garda moita relación con figuras destacadas das Terras de Iria como Rosalía de Castro, o Santiago Apóstolo, Camilo José Cela ou o trobador Macías O Namorado destacando especies arbóreas dedicadas a estas figuras.
Fronte ao Edificio de Alfolí do Sal, que foi durante séculos monopolio da distribución do sal en toda a ría de Arousa, o alumnado fixo un recitado colectivo de poemas de Rosalía.
Relevante foi tamén a visita á Igrexa de Santiago de Padrón onde se atopa o “Pedrón”, ara romana que segundo a tradición xacobea foi o punto de amarre da barca que transportou desde Palestina ata Iria Flavia o corpo sen vida do Apóstolo Santiago.
Logo da despedida do alumnado do IES Faro das Lúas (Vilanova de Arousa) e xa en Santiago de Compostela, o alumnado visitou o Museo do Pobo Galego onde realizaron por grupos unha actividade dirixida a coñecer a figura de Antón Fraguas Fraguas, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2019 e primeiro director do Museo do Pobo Galego.
A actividade consistiu nun xogo de pistas encamiñadas a descubrir as diferentes salas do Museo relacionadas coa figura do autor e o seu labor nos eidos da etnografía e da docencia; xogo que levou tamén ao Panteón de Galegos Ilustres, onde repousan os corpos de figuras ilustres da cultura galega como Rosalía, Castelao e Cabanillas, entre outros.
Clica aquí ou na foto para ver o pase fotográfico

[ pechar ]