SAMAÍN 2018

Un novo ciclo agrícola que se perfila mediante unha estación escura...

Acorde coas nosas tradicións e o ciclo festivo anual, o IES Cosme López (A Rúa) acaba de celebrar o Samaín 2018, unha festa que recrea as nosas orixes. Tamén coñecido como día de Todos os Santos, esta data pon fin ao verán e comezo a un novo ciclo agrícola, que se perfila mediante unha estación escura, onde nese camiño de paso os espíritos dos mortos van deambular entre os vivos.
Na entrada do centro puido observarse un escenario de fondo negro onde xunto a imaxes desacougantes se unían mostras de cabazas talladas creadas polos participantes, todo sobre unha arrepiante tea de araña.
Desta volta, o EDLG convocou dous concursos: o concurso de tallado de cabazas, nunha categoría, destinado a alumnado do 1º e 2º ciclo da ESO e FP Básica 1 e 2, co fin de premiar a orixinalidade e estilo nesta técnica e o concurso de microrrelatos de terror, en catro categorías, no que podía participar o alumnado do 1º e 2º ciclo da ESO, FP Básica 1 e 2, e Bacharelato, co propósito de que amosaran as súas calidades como narradores e lograsen transmitir esa atmosfera propia de terror e arrepío que caracteriza esta festividade.

[ pechar ]