DESTINO: LUCUS AUGUSTI

Estivemos na cidade Bimilenaria co autor de Sarsina no Festival de Teatro Grecolatino

Asistimos a unha divertida representación de teatro clásico e estudamos distintos aspectos da romanización nunha das capitais da antiga Gallaecia.
O día 5 de marzo, o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato de Humanidades, o de Latín de 4ºESO, o de Cultura clásica de 3º ESO e as profesoras acompañantes desprazámonos a Lugo, nunha actividade organizada polo Departamento de Latín.
O motivo inicial da saída didáctica foi asistir a unha representación da comedia Cásina de Plauto, no marco do Festival de Teatro Grecolatino que cada ano organiza a SEEC en colaboración co Concello de Lugo, para estudantes de toda Galicia. A obra, a cargo do grupo Susana Verdú Producciones de Madrid, foi moi divertida e fixo que pasaramos un bo rato, tal e como adoita ocorrer co teatro plautino.
Pola mañá, aproveitamos un momento no que case non chovía para dar un paseo pola emblemática muralla de Lugo, comprobando in situ todo o que estudaramos sobre as súas características: torres, dimensións, portas, etc.
Despois visitamos a Domus do Mitreo, unha enorme e luxosa casa escavada a oito metros baixo terra, que albergaba un templo dedicado ao deus oriental Mitra, e que é un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes e interesantes da cidade. Aínda que desta visita non temos fotos, xa que non se pode facer ningún tipo de reprodución no interior do recinto, sempre nos quedará unha fermosa imaxe gravada na memoria.
Á saída agardábanos unha sorpresa: un grupo de soldados da cohorte pretoriana lucense, (Cohors Lucensium Praetoria), unha asociación de reconstrución histórica, apareceron de súpeto e, despois de facernos unha pequena exhibición das súas técnicas de formación e ataque, explicáronnos a súa orixe e algúns datos interesantes sobre o exército romano. Incluso nos agasallaron cunha reprodución da Torre da Mosqueira da Muralla dedicada ao noso instituto, como recordo deste agradable encontro na cidade bimilenaria.
En definitiva, pasamos un bo día e ao mesmo tempo aprendemos moitas cousas sobre o mundo romano, que tantas pegadas deixou na nosa cultura. Diso se trataba!
Ver pase fotográfico

[ pechar ]