Chegou o tempo do SAMAÍN

Este rito de orixe celta tamén é celebrado no noso Centro

O SAMAÍN é un rito ancestral de orixe celta que sobrevive nalgunhas culturas como a galega, a irlandesa ou a anglosaxona. Samaín significa “fin do verán”. Este festexo non só significaba a fin do período do bo tempo, tamén daba paso ó novo ano.
Os celtas dividían o ano en dúas metades: a parte da luz, que comezaba con Beltaine e a parte da escuridade, que comezaba con Samaín. O calendario celta do ano era fundamentalmente lunar e os meses comezaban sempre coa mesma fase da lúa. Eran 12, pero cada dous anos e medio incluíase un mes máis. Cada mes estaba asociado a unha árbore ou planta e, ó longo do ano, celebrábanse oito festas principais: unha delas o Samaín.
Os celtas crían que na noite do 31 de outubro para o 1 de novembro se abría unha porta que poñía en comunicación o mundo dos mortos co dos vivos. Esa noite os defuntos visitaban os seus parentes, polo que estes deixaban fogueiras acendidas e comida para eles. Tamén acostumaban coller as caveiras dos seus inimigos desecadas, que pintaban e ás que lles poñían unha vela no centro, para colocalas en lugares como as encrucilladas ou no cimo das murallas, de xeito que representasen almas do outro mundo ó mesmo tempo que tiñan un fin defensivo: asustar os inimigos. Cando os romanos conquistan os pobos celtas, erradican o costume de empregar caveiras, de maneira que se comezaron a empregar primeiro pedras e despois nabos e cabazas. Ademais, cando tivo lugar a ocupación romana dos dominios celtas, a festividade foi asimilada por estes.
A igrexa cristianizou o rito celta e instaurou a celebración de todos os santos, que en inglés se di HALLOWEEN ("véspera de tódolos santos”). Antigamente, o Día de Todos os Santos celebrábase o 13 de maio.
En Galicia, a tradición de tallar cabazas mantívose viva a través dos tempos e ten moita vitalidade en vilas como Cedeira, aínda que se está a recuperar por todo o territorio.
No noso instituto tamén festexamos o SAMAÍN.

[ pechar ]