Correlingua

Monforte 2012

 

 

Procedentes do IES Cosme López Rodríguez da Rúa, dous autobuses cheos de alumnos e un par de profesores percorreron os case 60 quilómetros que separan o instituto rués e a localidade de Monforte de Lemos. Alí reuníronse co terceiro docente, que apareceu ateigado de entusiasmo e alegría. Tras unha hora de recreo polos xardíns do parque do Conde, próximo ao Colexio dos Pais Escolapios, os rapaces foron conducidos nos mesmos autobuses ata a dominante Fortaleza e a súa irmá a Torre da Homenaxe, onde puideron fotografarse entre as árbores e parterres que enmarcan as magníficas vistas desta cha e tranquila cidade lucense; quince minutos dun sinxelo photocall insospeitadamente premonitorio.

Axiña foron chegando máis autobuses de nenos e profesores. De modo que a pequena explanada que dá paso ao Pazo Condal, actualmente convertido en parador, rematou por colmatarse de pequenos habitantes oriúndos de varias localidades da Ribeira Sacra. De entre toda esta multitude destacaban tres masas de xuvenís: un grupo de nenos de primaria que levaban idénticas gorras avermelladas, unha agrupación de secundaria uniformada con camisetas granate e un chirriante asubío na boca e, por suposto, o gaiteiro do IES Cosme López Rodríguez e a súa comitiva de “secundarios” compañeiros que o envolvían como un banco de peixes entoando varias cancións compostas para a ocasión. Todas as congregacións foron descendendo o monte de San Vicente dun xeito primariamente secuencial e secundariamente mesturado. Percorreron a calzada que forma parte das rúas de Vírex e de Santo Domingo, a praza de España, a rúa Cardeal e a praza da Compañía, para acabar reagrupándose fronte a un escenario que estaba montado diante do Colexio dos Pais Escolapios.

A presentadora do evento, a actriz galega Iria Sobrado, empezou motivando os presentes cunha adiviña: unha frase que se ocultaba tras varios guións pintados nunha pizarra branca. Os rapaces foron vociferando vogais e consoantes, como unha variante do famoso xogo do aforcado, ata que xurdían as pistas suficientes para resolver o enigma. Despois, pedíu a colaboración daqueles que tivesen un nome etimoloxicamente galego para que subisen onda ela e aprendesen o pegadizo baile que acompañaba unha canción súa. A festa deu paso á entrega do premio Correlingua Monforte 2012, en función do entusiasmo mostrado ata o momento. O gañador foi o IES Cosme López Rodríguez da Rúa, cuxos alumnos regresaron á vila satisfeitos da súa intervención.

Tamén participaron no evento a conselleira de cultura, unha parella de estudantes que leu un manifesto a favor do galego, o grupo musical Chupadeskay e un grupo de alumnos de primaria que cantou a capela unha canción dedicada aos heroes. Todos expresándose, por suposto, en galego.

 

[ pechar ]